Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/05/2024 | Actualizada ás 14:45
"Vaise integrar no PP porque é unha decisión tomada polo partido en Pontevedra. Eles o decidiron e eu non me vou a opoñer". Deste xeito defendeu o presidente da Xunta a volta de Matías Cañón ao Partido Popular da Illa de Arousa logo de ser expulsado do partido pouco antes das eleccións municipais de 2023 tras trascender que fora condenado por violencia machista en 2011. Cañón pasou ao grupo mixto ata a semana pasada, cando volveu ser admitido no PPdeG.
Unha decisión que defende Alfonso Rueda a pesar de que hai un ano dixo que este político xa non volvería máis ás filas do seu partido. Por iso, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, varios xornalistas insistiron nesa contradición. "Acepta vostede a volta desta persoa ao PP?", preguntouselle. "Fai un ano decidiuse unha cousa e agora o partido en Pontevedra decidiu outra cousa e é o que vai pasar", respondeu.
"Naquel momento decidiuse polo PP de Pontevedra que saíra do grupo municipal e este ano, a instancias do grupo municipal, decidiuse reintegralo. O Partido Popular de Pontevedra comunicoumo e eu non me opuxen", explicou. Rueda volveu lembra os argumentos utilizados hai un ano e destacou que os feitos polos que fora xa xulgado Matías Cañón aconteceron hai máis dunha década e "xa cumpliu coa Xustiza". "Sobre iso non teño nada máis que falar", engadiu.
Estas nova polémica ten lugar cando, tanto o BNG como o PSdeG, criticaron duramente os cambios na organigrama da Xunta na área de Igualdade, que pasou de ser unha secretaría xeral a dúas direccións xerais: Promoción dá Igualdade, por unha banda, e Loita contra a Violencia de Xénero, por outro.
PSDEG CUALIFICOU DE "INTOLERABLES" AS DECLARACIÓNS DE RUEDA
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, cualificou de "intolerables" as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a reincorporación ao PP do edil da Illa de Arousa. Este luns, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Goberno galego sinalou que "non" se oporá á "decisión do PP de Pontevedra" de recuperar ao edil do municipio pontevedrés. "O señor Rueda demostrou dúas cousas coas súas declaracións. A primeira, que non é unha persoa de fiar, que non é unha persoa de palabra", asegurou Fraga.
Para a responsable de Igualdade dos socialistas galegos, Rueda demostra que "non está á beira das vítimas de violencia de xénero" e lanza unha mensaxe "moi perigosa, dando a entender que a violencia de xénero é algo que se pode perdoar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.